Skip to content

A sensibilización ambiental: unha liña estratéxica de negocio para Coregal

En Coregal, as campañas de sensibilización forman parte dun enfoque integral que vai máis alá da xestión operativa dos residuos. Enténdense desde unha dobre vertente: como ferramenta de transformación social e como liña estratéxica de negocio coherente co modelo de sostibilidade que rexe a compañía.

Un proceso planificado para xerar conciencia e corresponsabilidade

Desde o punto de vista social e ambiental, as campañas de sensibilización son procesos planificados de comunicación orientados a xerar conciencia na veciñanza. O seu obxectivo é fomentar a implicación activa no coidado do medio ambiente, promover a reflexión sobre os residuos que producimos como sociedade e impulsar a corresponsabilidade na súa correcta separación e xestión.

A través do deseño e execución de accións de educación ambiental e participación cidadá, Coregal emprega a comunicación como unha ferramenta transformadora. O propósito é incrementar o número de persoas e establecementos comerciais informados e formados sobre:

  • A correcta utilización dos colectores.

  • A separación axeitada dos residuos.

  • O tratamento e a finalidade destes dentro das estratexias de valorización.

Trátase, en definitiva, de mellorar os índices de separación en orixe, reducir a xeración de residuos e fomentar hábitos de consumo máis responsables.

Aliñamento coa sostibilidade e coa estratexia empresarial

Esta liña de actividade está plenamente aliñada coa Política de Sostibilidade de COGAMI Empresarial, da que Coregal forma parte, e co eixo de sostibilidade social, ambiental e económica que guía a súa acción.

Para as Administracións Públicas —especialmente os Concellos cos que Coregal mantén contratos de recollida de residuos ou mantemento de puntos limpos— así como para as empresas colaboradoras, estas iniciativas constitúen unha garantía no cumprimento dunha normativa ambiental cada vez máis esixente no marco da Unión Europea. Ademais, facilitan a implicación da sociedade nun cambio de paradigma cara a modelos máis circulares e sostibles.

Diversificación, valor social e posicionamento

Como liña de negocio, a educación ambiental e a sensibilización representan para Coregal:

  • Unha oportunidade de diversificación.

  • Un reforzo do valor social da marca.

  • Un incremento do posicionamento como empresa comprometida coa sostibilidade.

  • A creación de valor engadido máis alá da xestión operativa de residuos, ámbito no que xa está consolidada.

As campañas de sensibilización eríxense así como servizos integrais que abranguen desde a diagnose social e a planificación estratéxica ata a execución de accións formativas e divulgativas, incorporando tamén a avaliación de resultados e a innovación en formatos e canles de comunicación.

Un exemplo de éxito: Santiago de Compostela

Mostra deste enfoque é a campaña de sensibilización desenvolta no Santiago de Compostela a finais de 2025. A iniciativa contou cunha excelente acollida por parte do comercio local e permitiu un notable incremento no número de establecementos que fan uso do servizo gratuíto de recollida porta a porta de cartón pregado.

Este tipo de resultados evidencian o alto potencial destas accións tanto desde o punto de vista ambiental como empresarial, e marcan o camiño das futuras campañas que Coregal levará a cabo noutros concellos galegos ao longo de 2026.

aCTUALIDADE COREGAL

Outras novas