A campaña de sensibilización para mellorar a separación e o dobrado do cartón comercial continúa avanzando con boa resposta entre os establecementos de Compostela. As visitas realizadas polas axentes de Coregal están a permitir achegar información actualizada sobre o servizo e reforzar as boas prácticas de xestión do cartón e avanzar no obxetivo de promover hábitos de xestión ambientalmente responsables no comercio local.
Zonas visitadas e progresión do traballo
Ata o momento completouse arredor do 50% das visitas previstas, cubrindo unha parte significativa das áreas comerciais da cidade. As zonas xa abordadas inclúen:
- Ensanche
- Zona Vella
- San Lázaro- Avenida de Lugo
Ademais, atópanse actualmente en proceso de visita:
- Ensanche e Zona Vella
Grazas a este labor, un total aproximado de 500 establecementos recibiron xa a visita informativa, tanto os que xa participan no servizo porta a porta como aqueles que aínda non están adheridos. A campaña está a consolidarse así como un espazo de diálogo e apoio técnico aos comercios, favorecendo unha maior sensibilización ambiental no día a día
Novas adhesións ao servizo
Entre os comercios visitados nesta primeira fase, estímase que arredor dun 30% están a iniciar o proceso para incorporarse ao servizo de recollida de cartón comercial. Esta cifra supón un avance significativo no obxectivo de ampliar o número de establecementos informados e participantes.
Primeiros indicios de mellora na vía pública
Nas zonas visitadas comezan a apreciarse os primeiros sinais dunha mellor xestión do cartón: maior presenza de caixas dobradas e unha percepción xeral de máis orde no espazo público. Pequenos cambios que, mantidos no tempo, contribúen a unha cidade máis limpa, a un servizo máis eficiente e a un comportamento máis responsable ambientalmente entre os comercios.
Seguimos traballando
Nas vindeiras semanas a campaña continuará ampliando a difusión e visitando novos comercios.
Se tes un establecemento e aínda non recibiches a visita, é posible que as axentes pasen proximamente polo teu local. Coregal mantén así o seu compromiso coa sensibilización ambiental e coa mellora continua da recollida do cartón comercial, contribuíndo a unha Compostela máis ordenada e sostible.



