Skip to content

A campaña de sensibilización continúa: máis comercios informados e novas adhesións ao servizo de recollida

Esta semana seguimos avanzando na campaña de sensibilización sobre a xestión do cartón comercial en Compostela, visitando establecementos das principais zonas comerciais da cidade. A acollida está a ser moi positiva: tanto por parte dos negocios xa adheridos ao servizo porta a porta, como daqueles que amosan interese en incorporarse a partir desta campaña.

Durante as visitas, as nosas compañeiras entregan o material informativo e realizan unha breve enquisa de satisfacción entre os establecementos que xa participan no servizo. Esta enquisa permítenos coñecer, de maneira global e despersonalizada, o seu nivel de satisfacción co horario e co funcionamento da recollida, así como as principais motivacións que teñen para separar o cartón no seu día a día.

Entre os comercios que aínda non estaban adheridos, estamos a atopar unha boa dispoñibilidade para sumarse ao servizo, o que permitirá ampliar o número de establecementos sensibilizados e mellorar a xestión do cartón nas zonas comerciais ao finalizar a campaña.

Un dos elementos máis singulares desta acción continúa a ser a caixiña formativa. Trátase dun recurso práctico e manual: para utilizala, hai que abrila, pregala e ler a información que contén no seu interior. Este proceso axuda a tomar consciencia da importancia de reducir o volume do cartón antes da recollida, favorecendo un hábito sinxelo que contribúe ao bo estado das rúas e ao correcto funcionamento do servizo.

Nos próximos días seguiremos informando sobre o avance da campaña, sempre co obxectivo de facilitar o día a día dos comercios, potenciar a separación do cartón comercial e contribuír entre todas e todos a unha Compostela máis limpa, ordenada e sostible.

aCTUALIDADE COREGAL

Outras novas