A Confederación Española de Economía Social (CEPES) deu luz verde a un proxecto de COGAMI Empresarial orientado a fortalecer a competitividade do seu grupo de empresas. Titulado A Atención Integral Centrada na Persoa e a Sostibilidade Ambiental: Pancas para o mantemento do emprego e o fortalecemento, este proxecto ten como obxectivo principal impulsar a formación e capacitación do persoal laboral, garantindo a continuidade dos postos de traballo e a mellora das condicións laborais.
A través deste proxecto, COREGAL integrará a metodoloxía de Atención Integral Centrada na Persoa (AICP) na súa xestión, promovendo a adquisición de competencias transversais para o emprego que aumentarán a cualificación do persoal. Ademais, inclúe a creación dunha estratexia de sostibilidade conxunta que permitirá desenvolver plans de acción específicos en cada empresa pertencente ao grupo. Esta estratexia busca mellorar a eficiencia operativa, reducir o impacto ambiental e reforzar a comunicación en materia de sustentabilidade.
Este proxecto beneficiará a todos os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social de COGAMI Empresarial, sendo COREGAL, Galega de Economía Social e Hornos de Lamastelle as principais beneficiarias debido á súa relevancia dentro do grupo. Estas entidades contarán con partidas orzamentarias específicas para avanzar nos obxectivos do proxecto.
Cun período de execución de 35 meses, desde febreiro de 2024 ata decembro de 2026, o proxecto conta cun orzamento total de 468.437,08 €, o 60% cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus. Esta iniciativa inscríbese no marco do programa EFESO 2021-2027, no que CEPES actúa como organismo intermedio.