Skip to content

Preto de mil establecementos de Santiago súmanse á reciclaxe responsable do cartón da man de Coregal

Durante o último mes, desde Coregal tivemos a oportunidade de percorrer rúas, falar con comerciantes, hostaleiros e profesionais de servizos e, sobre todo, comprobar de primeira man que a reciclaxe do cartón é xa unha preocupación real no tecido comercial de Santiago de Compostela.

Entre o 11 de novembro e o 9 de decembro de 2025, desenvolvemos xunto co Concello de Santiago unha campaña de sensibilización sobre a recollida de cartón pregado porta a porta, que nos levou a visitar preto de mil establecementos e máis de 50 rúas da cidade, en zonas como o Ensanche, a Cidade Histórica, San Lázaro–Avenida de Lugo e Santa Marta–A Choupana.

Escoitar, informar e acompañar

O obxectivo da campaña non foi só informar, senón tamén escoitar as necesidades reais dos establecementos. As persoas que traballaron como axentes de sensiblización visitaron comercios (6 de cada 10 locais), establecementos de hostalaría e empresas de servizos, explicando de maneira sinxela como funciona o servizo gratuíto de recollida de cartón, que pasos seguir para un correcto pregado e depósito e resolvendo dúbidas no propio lugar de traballo.

A acollida foi moi positiva, tanto entre os locais que xa utilizaban o servizo como entre aqueles que o coñeceron por primeira vez. Este interese confirma unha realidade que vemos a diario: cada vez hai maior conciencia ambiental e vontade de facer as cousas ben en materia de xestión de residuos.

Máis establecementos, máis impacto positivo

Ao comezo da campaña, arredor de 300 establecementos xa estaban adheridos ao servizo. Tras as visitas e accións de sensibilización, outros tantos manifestaron o seu interese en sumarse, polo que a partir de comezos de 2026 estímase que o servizo de recollida porta a porta chegue a case 500 locais en Santiago.

Un dos valores máis apreciados polos establecementos é a flexibilidade do servizo, que lles permite adaptalo aos días da semana e á cantidade de cartón que xeran segundo as súas necesidades.

Un servizo ben valorado polo comercio local

Os datos da enquisa de satisfacción confirman o bo funcionamento do servizo:

  • 8,89 de valoración media para o horario de recollida
  • 8,65 para o servizo prestado por Coregal
  • 97 % dos establecementos recomendarían o servizo a outros locais

Entre as principais razóns para adherirse destacan a comodidade da recollida porta a porta, a conciencia ambiental das persoas responsables dos negocios e o cumprimento da normativa en materia de residuos.

Tamén tomamos nota das propostas de mellora trasladadas polos establecementos, como a posibilidade de ampliar horarios de depósito e a importancia de seguir divulgando boas prácticas entre a veciñanza para evitar acumulación no cartón que se deposita para ser recollido de xeito separado.

Compromiso compartido coa sostibilidade

Desde Coregal seguimos a traballar, da man das administracións e do tecido económico local, para fomentar unha cultura baseada na redución, reutilización e reciclaxe. Accións como esta campaña axúdannos a avanzar cara a unha xestión de residuos máis responsable e a consolidar hábitos sostibles que benefician á cidade e ao planeta.

Porque cada caixa de cartón ben reciclada conta. E porque o cambio constrúese, paso a paso, porta a porta.

aCTUALIDADE COREGAL

Outras novas