Coregal estivo presente no Compostela Street 2025, un dos festivais de cultura urbana e deportes extremos máis coñecidos a nivel estatal, contribuíndo á separación de residuos baixo o lema “Faite parte: síguenos o rollo”.
Foi un fin de semana intenso, coa asistencia de moitas persoas que se achegaron ao recinto situado na zona do Campus Sur de Santiago. Ao longo de todas as pistas de competición, Coregal cedeu colectores especialmente deseñados para o evento, permitindo a recollida selectiva de refugallos e fomentando a reciclaxe durante o festival.
Este festival, polo tanto, destacou a importancia de combinar a competición deportiva coa responsabilidade ambiental, poñendo en valor a protección da natureza e a sustentabilidade.
Esta colaboración foi financiada polo Fondo Social Europeo, a través dunha convocatoria da Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES).



