Skip to content

Coregal colabora por segundo ano consecutivo co Compostela Street Festival para promover a sensibilización ambiental

A empresa especializada na xestión de residuos volve participar neste encontro de cultura urbana e deporte de acción cunha iniciativa que combina arte urbana, reciclaxe e Economía Circular baixo o lema “Faite parte: síguenos o rollo”.

Coregal colabora por segundo ano consecutivo co Compostela Street Festival, reafirmando o seu compromiso coa sensibilización ambiental e coa promoción de hábitos responsables na xestión dos residuos. A través desta colaboración, a empresa busca achegar á mocidade e ás familias a importancia da separación dos residuos, a reciclaxe e a Economía Circular nun espazo que reúne cultura urbana, música, arte e deporte de acción en Santiago de Compostela.

Baixo o lema “Faite parte: síguenos o rollo”, Coregal aproveita este festival como punto de encontro coa cidadanía para transmitir a importancia de separar correctamente os residuos e reducir a cantidade de refugallos que xeramos. A iniciativa busca que a concienciación ambiental forme parte tamén das actividades culturais e deportivas que conectan especialmente co público máis novo.

Un dos elementos máis visibles desta colaboración é a intervención artística dos colectores de Coregal, realizada polo grafiteiro e muralista Yoe 33, cofundador de Concepto Circo, estudo profesional de muralismo con sede en Lugo. A través desta proposta, os colectores intégranse na estética do festival e convértense nun soporte visual para transmitir unha mensaxe de compromiso ambiental.

A continuidade desta colaboración permite a Coregal seguir achegando a súa experiencia no ámbito da xestión de residuos a unha iniciativa que ofrece novas oportunidades para concienciar a cidadanía. Ademais de informar sobre onde depositar cada residuo para favorecer a súa reciclaxe e reaproveitamento, a empresa promove a reflexión sobre a necesidade de reducir os refugallos e avanzar cara a un modelo de Economía Circular no que os materiais poidan ter unha nova vida.

A participación no Compostela Street Festival enmárcase no compromiso social e ambiental de Coregal, que aposta pola sensibilización como parte fundamental dunha xestión responsable dos residuos. A través desta colaboración, a empresa contribúe tamén a apoiar unha proposta cultural e deportiva que achega disciplinas urbanas á cidadanía.

Esta colaboración conta co financiamento do Fondo Social Europeo, a través da convocatoria da Confederación Empresarial Española de Economía Social (CEPES).

 

aCTUALIDADE COREGAL

Outras novas