Skip to content

Coregal colabora co Concello de Santiago para mellorar a recollida do cartón comercial

En Coregal seguimos traballando para facer de Santiago unha cidade máis limpa e sostible. Esta semana iniciamos, xunto co Concello de Santiago, unha campaña de sensibilización centrada na correcta separación e dobrado do cartón comercial, un xesto sinxelo que marca a diferenza no aspecto das nosas rúas e na eficiencia da recollida.

Durante as próximas semanas, dúas axentes de sensibilización de Coregal percorrerán as principais zonas comerciais da cidade, Ensanche, Cidade Histórica, San Lázaro-Avenida de Lugo e Santa Marta-A Choupana, visitando un a un os establecementos para ofrecer información, resolver dúbidas e animar á participación no servizo de recollida porta a porta de cartón.

A través destas visitas, entregamos un díptico informativo e, no caso da zona do Ensanche, tamén unha “caixiña formativa”: un pequeno xogo educativo que convida ás persoas propietarias a dobrar a súa propia caixa e descubrir a mensaxe sobre a correcta xestión do cartón. Un xeito divertido de lembrar que dobrar antes de depositar é clave para manter as rúas ordenadas e facilitar o labor de recollida.

Ademais, as axentes de Coregal realizan un breve cuestionario de satisfacción, co que recollen opinións, suxestións e o interese dos comercios aínda non adheridos en sumarse ao servizo.

Esta acción forma parte do noso compromiso coa sensibilización ambiental e a economía circular, e busca fomentar pequenos hábitos que teñen un gran impacto: máis espazo, menos residuos á vista e unha cidade máis coidada para todas e todos.

aCTUALIDADE COREGAL

Outras novas