Na busca de solucións ecolóxicas dirixidas a materiais cunha reciclaxe pouco viable ou dificultosa polo alto custo, tres firmas galegas, Coregal, Greenteco Tecnología Ecológica e Fundiciones Rey, dan un importante paso adiante ao converter os plásticos non valorizables contidos nos residuos urbanos e industriais en obxectos de alto valor engadido, como é o caso de mobiliario urbano.
Estas tres empresas presentaron na sede de Sogama un traballo conxunto que contou co apoio de Solteco, único fabricante de España adicado á investigación e desenvolvemento de procesos de recuperación e reciclaxe de plásticos de rexeitamento.
Produtos únicos, solidarios e 100% sostibles
Tras un longo e intenso labor de investigación e probas, utilizando técnicas de fundición similares ás dos metais, as entidades implicadas neste proxecto conseguiron desenvolver unha ampla gama de produtos fabricados con plástico non apto para a súa reciclaxe convencional. Algúns dos materiais producidos son do ámbito da construción (ladrillos plásticos ignífugos), tapas de sumidoiros altamente resistentes e sen ruídos, quitamedos para as estradas e bancos para sentarse.
Ademais de produtos innovadores, teñen un carácter solidario, xa que a empresa Fundiciones Rey, dende o inicio da guerra en Ucraína, levou axuda humanitaria e aproveitou a loxística inversa para transportar aceiro dos seus provedores ucraínos habituais. Este proxecto tamén está vinculado á economía social da man de Coregal, iniciativa de COGAMI Empresarial que se dedica á xestión de residuos e emprega a persoas con discapacidade.
Á presentación deste proxecto asistiron o presidente de Sogama, Javier Domínguez, e por parte de COGAMI Empresarial, o conselleiro delegado en Galega de Economía Social, Víctor Silva, e o xerente de Coregal, Antonio Pena.